Inaugurada a Praza do Concello de Nigrán con 1.400 metros cadrados reservados para o ocio e esparexemento
Publicada el 20 Ee marzo Ee 2015 a las 13:00 |
REDACCIÓN.- O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, presidiu o acto de inauguración da nova Praza do Concello, nun acto que contou tamén coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, e todos os membros do equipo de goberno.
A actuación realizada polo goberno municipal reconverteu o tramo da Avda. Castelao comprendido entre a PO-552 e a rúa Alcalde Manuel Alonso nun punto de encontro para os veciños de Nigrán cunha superficie de 1.400 metros cadrados, no que o peón é o principal protagonista.
A primeira praza pública do centro de Nigrán, que recibe o nome de "Praza do Concello", conta con zonas verdes, parque infantil, bancos e un foro fronte ao acceso ao Salón de Actos municipal, formulado para a realización de actuacións ao aire libre.
Unha actuación fundamental para Nigrán, segundo afirmou hoxe o alcalde na súa intervención, que dota ao centro de Nigrán do primeiro espazo de ocio e esparexemento para pequenos e maiores, no que os veciños poderán facer vida.
"A construción desta praza é o primeiro paso para consolidar o centro urbano de Nigrán como un punto de encontro veciñal e de ocio, que axudará ademais a reactivar a actividade dos comercios do seu ámbito", apuntou Valverde, que avanzou ademais outras actuacións que o goberno municipal planea para o ámbito da nova praza, como son o asfaltado e acondicionamento das beirarrúas da Avenida Reverendo José María Pérez, ou os asfaltados das rúas Alcalde Manuel Alonso e Vilameán.
Con esta actuación, financiada polo goberno municipal a través dun plan de obras e servizos da Deputación de Pontevedra por valor de 218.456 euros, o goberno local dá o primeiro paso para consolidar o centro urbano de Nigrán como un punto de encontro veciñal e de ocio, que axudará ademais a dinamizar a actividade hostaleira e comercial da zona.
Pola súa banda, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, puxo en valor as actuacións financiadas pola administración autonómica no concello, como o punto limpo, a senda peonil entre Priegue e Nigrán, o novo centro de saúde de Panxón ou o abastecemento de auga a Camos, entre outras, todas elas dirixidas a mellorar os servizos e as infraestruturas para os veciños de Nigrán.
Vía: Baionatv.com